Para poder comprender o que ocorre ao noso ao redor e saber en cada momento e con exactitude de que estamos a falar, é fundamental que coñezamos un conxunto de termos básicos que se van a empregar con moita frecuencia cando falemos de medio ambiente.
Basta abrir un xornal ou ver a televisión para notar que o medio ambiente está de moda. Pero, sabemos realmente de que estamos a falar?
O medio ambiente é o compendio de valores naturais, sociais e culturais existentes nun lugar e un momento determinado, que inflúen na vida material e psicolóxica do home e no futuro de xeracións vindeiras.
É dicir, non se trata só do espazo no que se desenvolve a vida dos seres vivos. Abarca, ademais, seres humanos, animais, plantas, obxectos, auga, chan, aire e as relacións entre eles, así como elementos tan intangibles como a cultura.
Por esta razón, é importante que nos situemos e comprendamos a dimensión real doutro concepto cuxo uso é moi común nestes tempos: A ecoloxía.
A ecoloxía é unha ciencia que naceu en 1869. O biólogo alemán Ernest Haeckel introduciuna por primeira vez no vocabulario científico. Para el, tratábase dunha ciencia que debía estudar as relacións que ocorrían entre os diferentes seres vivos e o sitio no que se desenvolvía a súa vida.
Na actualidade, recoñécese á ecoloxía como a ciencia que se encarga do estudo e análise dos ecosistemas.
Denomínase ecosistema ao espazo constituído por un medio físico concreto e todos os seres que viven nel, así como as relacións que se dan entre eles.
Todos os seres vivos desenvólvense dentro dun ecosistema. Exemplos de ecosistema serían, un bosque, un estanque ou unha cidade, coas súas correspondentes plantas e animais, pero tamén –e a outra escala– seríao, unha árbore ou nosa propia pel. É moi importante apuntar que estes ecosistemas non son estáticos senón que pola contra, evolucionan e cambian baixo unhas condicións determinadas. Nos procesos relacionados coa vida, os equilibrios sempre son dinámicos. Dos diferentes seres vivos que habitan na Terra, destacan os animais e as plantas. Referirémonos a a flora dun lugar como o conxunto de especies de plantas que alí viven.
Falaremos de fauna, facendo referencia ás diferentes especies animais que habitan un determinado lugar. Quizá mereza a pena resaltar que, na actualidade, existen moitos seres vivos que non son nin animais nin plantas. Os fungos ou as bacterias, por exemplo, son dous grupos independentes destes. O seu papel dentro da natureza é tamén de gran importancia.
Ao territorio concreto no que viven varias especies, tanto animais como vexetais e doutro tipo, que manteñen certas relacións de dependencia entre elas e co lugar ao que se adaptaron denomínaselle hábitat.
Un lago sería un ecosistema no que poderiamos distinguir polo menos dous hábitats diferentes: as beiras e o fondo do lago. Os seres vivos que se desenvolven en cada unha destas partes son diferentes. Isto débese a que en cada caso, as condicións ambientais
son distintas. Un hábitat moi característico son as charcas que se forman entre os límites de pleamar e baixamar. Os seres que alí viven evolucionan baixo unhas condicións moi determinadas impostas polo réxime de mareas, que definen claramente un hábitat propio. En cada ecosistema conviven e, como xa mencionamos, interrelaciónanse os diferentes seres vivos.
En lugares como a Antártida ou o deserto, o número de especies é moi baixo debido ás condicións tan duras que alí se dan. Pola contra, noutros como as selvas o número de especies cóntase por centos de miles.
O termo que alude á variedade de seres vivos diferentes que viven nun territorio determinado denomínase biodiversidade. Este termo pode describirse desde o punto de vista dos xenes, das especies e dos ecosistemas.
