Situación sociolaboral das mulleres en Galiza 2020
Cando levamos xa un ano dende o inicio da pandemia, son moitas as voces, desde ámbitos moi diversos, que concordan en que as peores consecuencias desta, no mundo laboral, van ser para as mulleres; que se vai producir un retroceso masivo na igualdade de xénero. Isto, a pesar de que a crise sanitaria na que estamos inmersas e inmersos, puxo en evidencia o que, desde, a CIG vimos denunciando ano tras ano: o papel central da muller na economía.
Unha crise, sen precedentes na historia recente, fixo que se ordenasen as actividades económicas utilizando indicadores non monetarios; e, aí, os maioritariamente feminizados tornáronse prioritarios: sanidade, servizos sociais, alimentación… pasaron a ser actividades esenciais, moi valoradas, imprescindibles, pero tamén deberían saír á luz as precarias condicións laborais nas que a inmensa maioría da poboación traballadora nestas actividades, maioritariamente mulleres, leva a cabo o seu labor cada día.
Esta, entre outras, é a pretensión deste informe: denunciar a precaria situación laboral das mulleres traballadoras en Galiza, moitas delas traballadoras de actividades esenciais (sen elas o mundo pararía), pero sen esquecer as que nestas circunstancias perderon o emprego, ben, porque para facer fronte á pandemia ou freala, se viu reducida a actividade económica en moitas actividades onde abunda o emprego feminino, como a hostalaría, ocio, etc. Outras moitas víronse obrigadas a abandonar o emprego para coidar as crianzas e/ou outras persoas dependentes, durante o peche das escolas…
Isto vén a sumarse ás persistentes notables diferenzas respecto ao homes na vida laboral das que xa partiamos: menor taxa de actividade, maior incidencia da temporalidade, e polo tanto da rotación laboral; maior parcialidade na contratación, así como maiores taxas de desemprego. Estes factores teñen unha repercusión directa no transcurso da vida laboral –menores ingresos, maiores dificultades para acceder á protección social…-, así como na xubilación.
